Día 4 de xaneiro de 2012 ás 21.30 horas GMT (Galician Molecular Time) no Teatro García Barbón:
LAND OF OPPORTUNITY
O Concerto de Todolos Concertos terá lugar no Teatro García Barbón, sito na rúa do mesmo nome da cidade de Vigo. Será a presentación, na cidade, que viu nacer a banda de LAND OFOPPORTUNITY, unha suite sinfónica suicida que o Taller Atlántico Contemporáneo (T.A.C.), o ensemble galego de prestixio internacional, propuxo a Siniestro Total en 2010 e que se estreou en xullo de 2011 no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela dentro do festival Via Stellae. Este insólito achegamento da música contemporánea ao mundo do rock psicotrónico e patafísico, que ninguén como ST encarna, perpetrouse en estreita colaboración co compositor Javier López de Guereña ao mando dos pentagramas. Do inxente repertorio de Siniestro Total naceu, pois, unha suite en tres partes que abrangue o inabarcable: cancións, melodías, letras e notas a pé de páxina impagables, todas elas xeradas ao pé do canón durante estes escasos trinta anos. Baixo a dirección do mestre Diego García Rodríguez, cuxa batuta se axita ante os máis esixentes auditorios de Europa, LAND OF OPPORTUNITY debulla, desprega e descobre un mundo insólito que non por divertido e familiar é menos serio e rigoroso. Un clásico da música do Século XXI feito realidade. Prégase atavío ad libitum e desprendemento de prexuízos. |
No hay comentarios:
Publicar un comentario